Friday 03 de May de 2024

A Consellería de Política Social estudará a petición do Concello de Frades de facer un centro sociocomunitario en Ponte Carreira


 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, na que se acordou estudar a petición do concello de construír un centro sociocomunitario en Ponte Carreira.

Roberto Rey sinalou que o obxectivo “é que os nosos veciños e veciñas dispoñan dun punto de encontro onde poder facer todo tipo de actividades, dende pilates e ximnasia, ata dispoñer dun centro para os nosos maiores con acceso a servizos como os que actualmente prestamos a domicilio a persoas dependentes: fisioterapia, podoloxía e perruquería”.

Por outra banda, a Consellería de Política Social estará á disposición do concello de Frades para informarlle sobre os requisitos e procedementos para a creación dunha Casa do Maior no municipio. “Difundiremos esta iniciativa entre a veciñanza para ver se algún emprendedor se anima a poñela en marcha, como xa aconteceu con éxito coas dúas Casas Niño que temos en marcha. Sería un servizo que atendería a seis dependentes, o que permitiría cubrir as necesidades actuais de Frades”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Ánxeles Álvarez.

Roberto Rey tamén agradeceu a colaboración da Consellería de Política Social na prestación do Servizo de Axuda no Fogar, que en Frades se fai a través da Mancomunidade de Ordes e que este ano suporá 15.240 horas de atención, “o que permite cubrir as necesidades das persoas dependentes en Frades”.